REVOLUCIÓN INDUSTRIAL E INDUSTRIALIZACIÓN
Coa expresión
revolución industrial desígnase o cambio dunha economía agraria e artesanal a
outra dominada pola industria e a produción mecanizada e masiva de bens, é
dicir, á economía propia das sociedades contemporáneas.
De aí a
importancia deste tema para a comprensión da realidade actual, pois a nosa
sociedade é herdeira desas transformacións que comezaron no Reino Unido durante
a segunda metade do século XVIII que foron configurando un sistema económico
caracterizado pola produción de bens en masa co mercado como destino, é dicir
esas transformacións que coñecemos co nome de Revolución Industrial (xunto con
outras transformacións de carácter político e social) deron lugar á formación
da sociedade capitalista actual.
Esas
transformacións tiveron lugar nun contexto (o Antigo Réxime) no que a produción
de bens manufacturados atopábase moi limitada pola ausencia de medios de
produción, de medios de transporte e, especialmente, polo escaso poder
adquisitivo da poboación. Nunha economía preindustrial.
A economía
preindustrial
Nas sociedades
preindustriales a maioría da poboación vivía das actividades agrícolas, que
proporcionaban uns ingresos que non superaban, habitualmente, os gastos
necesarios para poder sobrevivir, debido fundamentalmente á baixa produtividade
desa agricultura de carácter tradicional, e tamén aos elevados prezos dos
produtos agrarios e das manufacturas.
Nalgunhas partes
de Europa occidental as técnicas de traballo agrícola melloraran, e con elas, a
produción. Tal é o caso dalgunhas rexións de Inglaterra central,
Flandes e a Renania. Pero no resto do continente a agricultura atopábase
atrasada e só era capaz de soster unha economía de subsistencia. De xeito que
a poboación atopábase suxeita aos cambios climáticos ou calquera outro fenómeno
que puidese afectar as colleitas, aos recursos.
Por iso a maior
parte da poboación, que vivía no campo (entre un 80 e un 90% da poboación
activa europea) tiña un moi limitado poder adquisitivo (non podían comprar bens
manufacturados, non había mercado) e unha nula capacidade de aforro coa que
poder modernizar os seus medios de produción (non podían investir capital nas
súas terras, ao que contribuía a extensión de formas de propiedade tradicional - feudal, comunal-).
Á esmagadora
presenza da agricultura correspondíalle un escaso desenvolvemento da industria,
limitada, na maior parte dos casos, a dúas fórmulas organizativas: a industria
artesanal, ríxidamente regulamentada desde a idade media polos gremios (e por
tanto, incapacitada para protagonizar calquera cambio revolucionario), e a
industria rural dispersa, da que imos falar un pouco.
A industria rural
dispersa: a protoindustrialización
No século XVIII,
nalgunhas rexións europeas era frecuente que as familias campesiñas
simultanearan o traballo agrícola coa elaboración de produtos téxtiles que
os comerciantes vendían en mercados distantes (fundamentalmente as colonias).
Para definir este feito, observado por primeira vez en Flandes, acuñouse o
concepto de protoindustrialización.
Tecedores e fiandeiros facían uso dos seus sinxelos instrumentos de traballo (como teares
manuais), para obter uns ingresos complementarios. Con este sistema foi posible
a mellora da alimentación, e con ela, o aumento da poboación.
Pronto se atoparon
moitos máis casos que mostraban que, a mediados do século XVIII había rexións
en centroeuropa, Gran Bretaña,Hholanda norte de Italia... nas que se estaba difundindo unha industria rural dispersa que
producía non só mercadorías téxtiles para atender a demanda das localidades
próximas, senón tamén excedentes destinados a mercados afastados (por exemplo,
os augardentes cataláns para as colonias en América -pois tiñan licenza para iso, ollo-).
Os labregoa
dedicados a estas actividades (cando as tarefas agrícolas permitíanllo) eran
donos dos seus instrumentos de traballo e comercializaban os seus produtos ben
por eles mesmos ou mediante un comerciante que lles proporcionaba a materia
prima, é o que se coñece como domestic system.
Máis adiante, o
capital comercial (os comerciantes) foise apropiando de todo o proceso
produtivo así como da distribución e os medios de produción, recibindo o
campesiño unha especie de salario fixado polo comerciante ( como facía Adolfo
Domínguez ata hai pouco). O comerciante converteuse nunha especie de empresario
da industria rural dispersa, é o chamado putting out system.
A finais do século
XVIII, esta actividade , cada vez máis rendible, foise estendendo. O problema
de fornecer as materias primas e controlar a produción das familias campesiñas
en zonas dispersas resolveuse coa concentración do capital, reunindo nun mesmo
edificio, aos traballadores, máquina e ferramentas, é o chamado factory system,
pero disto falaremos máis adiante.
Á debilidade e
dispersión da rede industrial contribuía
tamén a insuficiencia dos transportes e os obstáculos que se levantaban para o
intercambio comercial (aduanas interiores, multitude de sistemas de pesos e
medidas, inexistencia dun sistema financeiro, etc). Salvo o caso francés,
ningún país europeo podía presentar unha rede de estradas ou camiños
transitables que favorecesen as comunicacións interiores (e un mercado
nacional); mesmo en Gran Bretaña, tardábanse 14 días en facer unha viaxe en
dilixencia desde Edimburgo ata Londres.
A economía
preindustrial era unha economía estancada nun pozo do que era difícil saír sen
cambios estruturais profundos. E era necesario saír, pois os desequilibrios
entre poboación e recursos (é dicir, que a poboación crece máis rapidamente que
os recursos) eran cada vez máis frecuentes e intensos.
O comezo da
Revolución Industrial
Como saír?
Aumentando a produtividade. Iso é o que fará a Revolución Industrial. Pero o
inicio de todo proceso industrializador e o ritmo de crecemento económico de
todas as economías industrializadas depende da existencia de tres requisitos
que deben de actuar de forma simultánea:
Capital
Man de obra
asalariada
Mercado
Hoxe en día os
capitais necesarios para investir na industria proceden dos propios beneficios
xerados pola industria; pero houbo un momento, no comezo da industrialización,
no que o capital tiña que proceder obrigatoriamente doutros sectores alleos á
industria (é o que Marx chama "acumulación primitiva do capital"). E esta,
realizouse en Inglaterra fundamentalmente por dúas vías:
- 1. O proceso de concentración de
grandes propiedades en mans dunha clase
limitada de terratenientes a expensas dos
pequenos campesiños
- 2. O capitalismo comercial inglés.
1. A renovación
das estruturas agrarias.
A revolución
inglesa do século XVII (do mesmo xeito que a revolución francesa ou a
desamortización española) significaron a introdución no mundo rural do
individualismo posesivo.
En Gran Bretaña
existía tradicionalmente un sistema agrario de campos abertos (openfields)
caracterizado pola existencia de terras de uso comunal -common lands-(igual que
aquí); era unha agricultura escasamente individualista que desalentaba posibles
innovacións. Os cercamientos (enclosures) significaron a reconversión dos
campos abertos en lotes de terras privadas e cercadas, así como tamén a
apropiación privada das terras de uso común (privatización).
Isto foi posible
grazas a que no Reino Unido o rei estaba controlado por un parlamento desde a
revolución do século XVII , un parlamento dominado por grandes
propietarios que lexislaban de acordo cos seus intereses, intereses que deron
lugar ás "enclosure acts" (leis de cercamiento) que orixinaron un proceso de
concentración de grandes propiedades e outro proceso de proletarización dunha
parte do campesinado.
Ata mediados do
século XVIII os cercamientos foron realizados mediante negociacións privadas
para comprar os dereitos dos donos e os arrendatarios; a partir desta época
acelerouse o ritmo de cercamientos pola maior rendibilidade dos investimentos
na agricultura debida á alza dos prezos agrarios provocada polo aumento
demográfico. A partir deste momento o sistema máis frecuente de cercamiento
será a vía parlamentaria.
En 1759 a metade
de Gran Bretaña tiña xa os seus campos cercados, e entre 1760 e 1820
promulgáronse 1800 enclosure acts que supuxeron a reorganización da propiedade
de máis de tres millóns de hectáreas.
Os prexudicados
por estes cambios foron os campesiños, sobre todo xornaleiros e pequenos
propietarios. Os primeiros non podían competir coas máquinas que se comezaron a
introducir, os pequenos propietarios non dispoñían do capital necesario para
cercar os seus campos á vez que se viron desprovistos da fonte de recursos
complementaria que representaban as terras de uso comunal (common lands); desa
forma comezou o éxodo do campo á cidade (facendo posible a existencia dunha man
de obra asalariada).
Este proceso de
privatizacións que representou as enclosures acts permitiu o investimento de
capital na terra, e con iso, a modernización da agricultura; ou o que é o
mesmo, o paso dunha agricultura dominada pola subsistencia a unha agricultura
de mercado, onde o obxectivo é a rendibilidade, e a consecuencia unha maior
produtividade que permitiu unha maior dispoñibilidade de alimentos para unha
poboación crecente, parte da cal xa non traballaba na agricultura, e por
suposto, permitiu unha acumulación de capital procedente desta agricultura
modernizada grazas a uns cultivos máis racionais, a estabulación do gando, o
emprego de maquinaria, etc.
2. o capitalismo
comercial
O comercio
colonial inglés, baseado na escravización de milleiros de persoas procedentes
de África que eran postas a traballar nas plantacións esclavistas de América; o
exterminio e o espolio brutal ao que se viron sometidos os indíxenas americanos
e o espolio dos
recursos naturais do novo continente foron a base do florecente comercio
británico. Este florecente comercio colonial inglés foi posible grazas
precisamente a que no Reino Unido existía un goberno que respondía os intereses
económicos da clase dominante (grandes propietarios, pero tamén homes de
negocios) a través da protección e o apoio que o goberno prestaba ao
desenvolvemento dunha mariña mercante e ao comercio mediante unha agresiva
política que tivo como consecuencia que durante o século XVIII Gran Bretaña
vísese envolta en cinco guerras internacionais, das que en 4 delas, ela foi a agresora.
Estas guerras tiñan un fin moi claro: o control dos mercados coloniais (o
exemplo máis claro foi a Guerra dos sete anos na que Francia e España
perderon importantes colonias en América e noutros continentes en beneficio dos
británicos.
Así pois,
Inglaterra contaba coa existencia dos requisitos necesarios para iniciar un
proceso industrializador:
- capital, procedente do comercio colonial
e da concentración das propiedades.
- man de obra asalariada, procedente do
crecemento da poboación, pero
especialmente do éxodo rural (resultado
da expropiación dos pequenos
campesiños).
- mercado, ademais do mercado nacional, en
crecemento polo éxodo rural, o Reino
Unido contaba co control do mercado
colonial grazas á súa agresiva política.
Dábanse, entón, as
condicións para que se puidesen producir toda a serie de innovacións técnicas
que hoxe coñecemos como "revolución industrial".
A Revolución
Industrial
E o sector que
primeiro se revolucionou foi a industria téxtil do algodón.
Iso tivo a súa
orixe na política proteccionista levada a cabo polo goberno inglés, presionado
polos grandes propietarios de terras que tiñan os seus intereses postos no
desenvolvemento da industria téxtil da la, materia prima procedente dos seus
grandes rabaños de ovellas, de aí a oposición ás crecentes importacións de
tecidos estampados de algodón (calicoes) traídos da India por comerciantes
ingleses (a India tiña unha próspera industria téxtil, ata que a
industrialización británica acabou con ela), debido á competencia que estes
produtos exercían sobre a la (especialmente nos mercados coloniais, cara a onde
eran reexportados os calicoes).
Esta oposición
quedou plasmada na prohibición, conseguida polos grandes propietarios a través
do parlamento, de importar tecidos de algodón.
Esta medida
proteccionista foi, paradoxalmente, o desencadenamento do desenvolvemento da
industria do algodón, ou o que é o mesmo, o inicio da revolución industrial;
pois foi na industria de algodón onde por primeira vez introdúcense avances
tecnolóxicos na produción que caracterizan á revolución industrial.
Son varias as
razóns que explican o desprazamento da la como materia prima da industria
téxtil a favor do algodón:
- a existencia de grandes plantacións de
algodón nas colonias británicas de Norteamérica,
explotadas mediante man de obra escrava,
que proporcionaban unha abundante e barata subministración de
algodón.
- as propias características físicas do
algodón, de orixe vexetal, máis duro e flexible
(a la era máis quebradiza) e por tanto
máis adecuado de manipular mecanicamente.
A prohibición de
importar tecidos de algodón precipitou entón o rapidísimo desenvolvemento da
industria do algodón, grazas especialmente á demanda colonial de produtos de
algodón, que contribuíu a aumentar o crecemento e as vendas de produtos de
algodón. De
maneira que, a
principios do século XIX, as exportacións de produtos de algodón representaban
a metade de todas as exportacións británicas e invadían Europa, América e a
propia India cuns prezos e calidades moito máis competitivos.
Cambios técnicos
que se producen co fin de aumentar a produtividade:
A mecanización da
produción téxtil foi un proceso que se desenvolveu ao longo de case un século:
En 1733 John Kay
inventou a "lanzadeira volante", un aparello que permitía o incremento da
produtividade na fase do tecido de algodón (a produción de telas de algodón
consta de 2 fases: o fiado de algodón en rama e o tecido de fío de algodón).
Este invento tivo como consecuencia que se producise unha situación de
desequilibrio entre a fase de fiado e a do tecido), non se producía
bastante fío para as lanzadeiras. Fíxose necesario realizar innovacións na fase
do fiado (ata se convocaban premios para atopar un novo invento).
En 1765, James
Hargreaves, carpinteiro de profesión inventou unha máquina chamada jenny, que
permitía o fiado simultáneo de varios fusos de algodón, era fácil de usar e
ocupaba pouco na casa, o que fortalecía a industria rural dispersa.
Catro anos máis tarde, Arkwright inventa a "water
frame", unha fiadora continua que fiaba decenas de fusos de algodón.
Jenny
Jenny
Cara a 1779, Samuel Crompton inventou outra máquina de fiar que de chamaría "mule", unha especie de cruzamento entre a jenny (que producía fío fino) e a water frame (que o facía máis gordo), era un artefacto que traballaba centenares de fusos e era de dimensións considerables, o que contribuiría ao fin da industria rural.
As máquinas de
fiar íanse perfeccionando, de modo que a finais de século comezaba xa a sobrar
o fío, que se producía de forma industrial. Este desequilibrio provocou a
aparición do telar mecánico en 1785, patentado por Edmund Cartwright, un
sacerdote que nunca vira un telar. Paralelamente vaise producindo a
concentración da industria téxtil ao redor dos portos coloniais (Liverpool,
Bristol).
Telar mecánico de Cartwright
Telar mecánico de Cartwright
A fins de século,
coa aplicación da máquina de vapor de James Watt para mover telares dáse o
paso definitivo para a concentración dos medios de produción nun lugar físico
centralizado (a fábrica): o factory system.
En 1830 había xa
máis de cen mil telares mecanizados. Á vez que se mecanizaban outros procesos
téxtiles (o estampado, o tinguido). As fiadoras e telares, asociados á
máquina de vapor, foron os primeiros símbolos dun sistema fabril que se
estendería a outros sectores produtivos.
Vimos como se
produciu o paso do domestic system ao factory system. O primeiro caracterizábase
por que nel o traballador era propietario dos medios de produción (de carácter
tradicional) e interviña en todas as fases da produción dos artigos de consumo
(mesmo, nun principio, comercializábaos). No sistema de fábricas o traballador
non posúe os medios de produción, e non participa en todas as fases da
produción: a crecente complexidade das máquinas fai que os traballadores se
especialicen nas distintas fases da produción de manufacturas (división técnica
do traballo).
Desa maneira, a
medida que se estende o sistema de fábricas, asistimos ao nacemento de dúas
clases sociais, con intereses opostos: a clase propietaria dos medios de
produción, e a clase que tan só conta coa súa forza de traballo para subsistir.
Como dixemos, cara
a 1830 a produción de manufacturas de algodón estaba totalmente mecanizada, era
xa o sector predominante na economía do país, só a agricultura tiña unha
importancia comparable á industria téxtil (aínda que o seu peso facíase, co
tempo, menor).
Así pois, o
algodón foi a primeira industria revolucionada. A demanda derivada da industria
téxtil ,(construción, construción de máquinas, barcos)- contribuíu en gran
parte ao progreso económico do Reino Unido ata a década dos 20 do século XIX.
Foi, entón, esta primeira etapa da revolución industrial, unha etapa de
crecemento económico baseado na industria téxtil do algodón.
- a industria
téxtil do algodón producía bens de consumo (roupa) alcanzables e necesarios
para a maior parte da poboación.
- a mecanización
aumentou moito a produtividade.
- os salarios eran
moi baixos, sobre todo desde o emprego do traballo de mulleres e nenos.
- e, sobre todo, o
baixo custo da materia prima coa extensión das plantacións esclavistas (naquel
tempo, o sur dos EEUU era unha economía dependente de Inglaterra).
Estas vantaxes que
tiña o algodón víronse pouco neutralizadas a partir dos anos 20, o crecemento
foi aos poucos deténdose debido á redución da marxe de ganancias; porque a
estas alturas os mercados xa creceran todo o posible grazas ao descenso dos
prezos dos produtos téxtiles; descenso dos prezos posible grazas á mecanización
(que reducía o custo por unidade producida) pero tamén necesario debido á
competencia.
Os mercados non
crecían xa coa suficiente rapidez, ao que hai que engadir a aparición da
industria téxtil noutros países que adoptaban políticas proteccionistas para
protexer as súas incipientes industrias. A baixa constante dos beneficios
(causada entre outras cousas pola competencia) sucedíase sen que baixasen os
diferentes custos de produción, pois o prezo das materias primas non podía
baixar máis e os salarios tampouco. Atopámonos, entón, cunha primeira crise de
crecemento industrial debida a que a industrialización se apoiaba basicamente
nun só sector, a industria téxtil do algodón. Desa maneira, esgotábanse as
posibilidades de reinversión do capital acumulado (se non se inviste non ten
ningún valor); pois só había un sector (a industria téxtil) que non podía
crecer máis.
Só podía xurdir,
naquel momento, unha actividade que tivese a particularidade de acelerar o
crecemento industrial, unha actividade capaz de:
- ampliar o mercado
- absorber grandes cantidades de capital
- de desenvolver unha industria de base
que sentase os cimentos do que hoxe
entendemos por sociedade industrial.
Esa nova
actividade era o ferrocarril. Pero antes de falar do ferrocarril temos que
falar primeiro das innovacións que permitiron a aparición deste fenómeno: a
máquina de vapor e o desenvolvemento da industria siderúrxica.
A siderurxia e a máquina de vapor
O nacemento da máquina de vapor e a siderurxia están intimamente relacionados.
A siderurxia
inglesa do século XVIII atopábase estancada por mor dos elevados custos de
produción debido á carestía do combustible (carbón vexetal) e á mala calidade
do ferro inglés. Pero a principios dese século Abraham Darby conseguiu fundir
ferro con carbón de coque (hulla), no canto de usar carbón vexetal. Desde
entón, as siderurgias inglesas deixaron de depender dos bosques que fornecían o
carbón (o que as facía itinerantes) e comezou a instalarse nos lugares de
extracción de ferro e carbón.
Nestas novas minas
de carbón pronto xurdiu o problema da necesidade de drenar as galerías da auga
que frecuentemente obstaculizaba a extracción de carbón, para solucionalo,
Savery inventou unha bomba aspirante que
utilizaba a condensación do vapor para elevar a auga; a esta primitiva máquina
Newcomen aplicoulle un mecanismo de cilindro e pistón, cun balancín, que
transformaba en movemento a enerxía xerada polo vapor.
O mecanismo que in ventaron Savery e Newcomen
O mecanismo que in ventaron Savery e Newcomen
Foi James Watt
quen adaptou esta máquina de vapor de maneira que proporcionase forza motriz a
outras máquinas, mediante un mecanismo de rodas dentadas.
Pois ben, nas minas de carbón utilizábanse raíles para transportar as vagonetas de carbón desde as galerías ata a bocamina. Enseguida reparouse na rendibilidade de impulsar estas vagonetas sobre raíles mediante a máquina de vapor (que naceu na mina).
Foi fácil que os
propietarios das minas désense conta da rendibilidade de levar as vagonetas, xa
non ata a bocamina, se non tamén ata os puntos de venda do carbón.
Así foi como naceu
o primeiro ferrocarril, desde a zona mineira interior de Durham ata a costa, a
liña Stockton-Darlington /1825). Tecnicamente o ferrocarril é fillo da mina,
especialmente das minas de carbón do norte de Inglaterra.
Diciamos entón que
a primeira etapa da industrialización británica -a da industria téxtil- chegara xa aos seus límites, ou polo menos, parecía a piques de acadalos. Ía
comezar entón unha nova fase da industrialización que proporcionaría un sostén
moito máis firme para o crecemento económico: a industria siderúrxica.
O ferrocarril e a
industrialización
Unha vez demostrada a viabilidade dun ferrocarril proveitoso, outros, fóra xa das rexións mineiras, copiaron e melloraron a idea, como os comerciantes de Liverpool e Manchester, que advertiron as vantaxes de transportar as súas mercadorías por ferrocarril, foi así como naceu a primeira liña comercial, a liña Liverpool-Manchester (1830).
Esta, á súa vez, inspirou a outros investidores e homes de negocio ansiosos por expansionar os seus negocios e obter beneficios axeitados ao seu capital, comezou "a tolemia do ferrocarril".
A inauguración da
liña Liverpool-Manchester sinala o punto de partida simbólico da era do
ferrocarril, que se convertería no medio de transporte máis representativo da
revolución industrial.
O ferrocarril non
era só un valioso investimento en transporte, pois creaba unha rede de
comunicacións que ampliaba e unificaba o mercado nacional. O ferrocarril
converteuse tamén no principal programa de investimento de capital en ausencia
doutro sector que puidese absorber todo o capital acumulado, e ao mesmo tempo
xeraba emprego.
Pero, sobre todo,
convertíase nun xigantesco e verdadeiro estímulo para a industria de produtos
de base no Reino Unido.
Co ferrocarril
resolvéronse os problemas de crecemento económico, pois foi un elemento
integrador do mercado interior (tamén do exterior) ao reducir os custos de
transporte e o tempo de transporte. O ferrocarril:
- xerou unha gran demanda de man de obra, e
unha ampliación do mercado de traballo.
- orixinou unha demanda sen precedentes de
ferro (estímulo para a industria siderúrxica).
- tamén de madeira, vidro e todos aqueles
produtos necesarios para unha
infraestrutura ferroviaria.
- supuxo un decisivo estímulo para a
enxeñería mecánica.
- en xeral, tivo un efecto multiplicador
sobre case todos os sectores da economía,
especialmente no sector da industria
pesada.
- a construción do ferrocarril supuxo tamén
un estímulo fundamental para a
exportación de produtos de base para as
necesidades da construción de ferrocarrís
no estranxeiro. Porque os ferrocarrís no
estranxeiro construíronse en gran parte con capital británico,
materiais e equipos británicos, e, con frecuencia, por contratistas
británicos.
Gran Bretaña
entrou co ferrocarril no período da súa plena industrialización. A súa economía
xa non se baseaba nun sector pioneiro, o téxtil, senón que descansaba
firmemente no desenvolvemento dunha industria de base, o que, á súa vez,
facilitou a penetración da
tecnoloxía e
organización modernas nunha ampla variedade de industrias. Gran Bretaña
especializouse na produción e comercialización non só de produtos
manufacturados, senón tamén de bens de equipo (máquinas, carbón, ferro...).
A expansión
económica mundial do século XIX relaciónase coas innovacións e o incremento nos
medios de transporte. Os novos transportes (ferrocarril, barco de vapor)
favoreceron a redución do tempo de transporte, a diminución dos custos e o
achegamento entre zonas de produción de materias primas e as novas áreas
industriais, articulando un mercado mundial. A partir de 1830, canles e camiños
de peaxe comezarán a ser desprazados polo ferrocarril. Este é un dos símbolos
da industrialización; no sintetízanse as innovacións da primeira época da
revolución industrial: o uso do carbón como combustible, a aplicación da
máquina de vapor e o uso masivo de ferro.
O ferrocarril
converteuse no gran negocio en Europa no século XIX, ata 1870, e desde 1850 os
capitais europeos, fundamentalmente británicos e franceses dirixíronse á
construción de extensas liñas de ferrocarril en Rusia, o Imperio Austro-Húngaro
e na India.
A liberalización
da economía, a competencia internacional, a necesidade de reducir custos, a
procura do máximo beneficio e a extensión dos procesos industriais a novos
países, levaron ao capitalismo a unha loita desenfreada polos mercados, agora
xa mundiais grazas ao desenvolvemento dos transportes, e a un proceso de
transformación interno para permitirlle adaptarse.
A estes cambios
chamámoslles segunda fase da revolución industrial. Entre as características
que presenta podemos sinalar as seguintes:
- O capitalismo
convértese no modelo económico dominante en todo o mundo, sometendo e
marxinando outras formas de produción.
- Transforma a súa
organización investindo na adquisición de novas tecnoloxías. Os gastos de
capital, dos cada vez máis custosos proxectos, obrigan a acudir ás institucións
financeiras; esta combinación de intereses fai xurdir a oligarquía financeira,
que selecciona e dirixe proxectos que se configuran a través de formas máis
complexas de asociación: cárteles, trust, holdings, zaibatsus...
- Á súa vez, estas
formas de concentración empresarial adoptan cambios na organización da
produción e do traballo. Trátase de racionalizalo para reducir o tempo de
produción, incrementar a produción por traballador, dividir as tarefas de cada
traballador e, por último, diminuír os custos de produción e mellorar a
competencia. Tal sentido presentan as cadeas de montaxe, que permitirán un
considerable incremento dos rendementos industriais.
- Aparecen,
vinculados aos avances da investigación, novos sectores produtivos e melloras
dos treadicionales. É o caso da enerxía eléctrica, con múltiples aplicacións
nas sociedades industriais: iluminación, teléfono, cinema...; o petróleo, con
aplicacións nos motores de explosión, na industria do automóbil, nos plásticos;
a química, con aplicacións nos fertilizantes, nas armas, produtos sintéticos,
medicamentos?
- O sector
bancario, ao participar a través do financiamento da industria e facerse con
paquetes de accións, pasa a ser determinante na economía capitalista e a formar
parte dos consellos de administración das empresas.