domingo, 9 de octubre de 2016



REVOLUCIÓN INDUSTRIAL E INDUSTRIALIZACIÓN
 

Coa expresión revolución industrial desígnase o cambio dunha economía agraria e artesanal a outra dominada pola industria e a produción mecanizada e masiva de bens, é dicir, á economía propia das sociedades contemporáneas.
De aí a importancia deste tema para a comprensión da realidade actual, pois a nosa sociedade é herdeira desas transformacións que comezaron no Reino Unido durante a segunda metade do século XVIII que foron configurando un sistema económico caracterizado pola produción de bens en masa co mercado como destino, é dicir esas transformacións que coñecemos co nome de Revolución Industrial (xunto con outras transformacións de carácter político e social) deron lugar á formación da sociedade capitalista actual.
Esas transformacións tiveron lugar nun contexto (o Antigo Réxime) no que a produción de bens manufacturados atopábase moi limitada pola ausencia de medios de produción, de medios de transporte e, especialmente, polo escaso poder adquisitivo da poboación. Nunha economía preindustrial.

A economía preindustrial

Nas sociedades preindustriales a maioría da poboación vivía das actividades agrícolas, que proporcionaban uns ingresos que non superaban, habitualmente, os gastos necesarios para poder sobrevivir, debido fundamentalmente á baixa produtividade desa agricultura de carácter tradicional, e tamén aos elevados prezos dos produtos agrarios e das manufacturas.
Nalgunhas partes de Europa occidental as técnicas de traballo agrícola melloraran, e con elas, a produción. Tal é o caso dalgunhas rexións de Inglaterra central,  Flandes e a Renania. Pero no resto do continente a agricultura atopábase atrasada e só era capaz de soster unha economía de subsistencia. De xeito que a poboación atopábase suxeita aos cambios climáticos ou calquera outro fenómeno que puidese afectar as colleitas, aos recursos.
Por iso a maior parte da poboación, que vivía no campo (entre un 80 e un 90% da poboación activa europea) tiña un moi limitado poder adquisitivo (non podían comprar bens manufacturados, non había mercado) e unha nula capacidade de aforro coa que poder modernizar os seus medios de produción (non podían investir capital nas súas terras, ao que contribuía a extensión de formas de propiedade tradicional - feudal, comunal-).
Á esmagadora presenza da agricultura correspondíalle un escaso desenvolvemento da industria, limitada, na maior parte dos casos, a dúas fórmulas organizativas: a industria artesanal, ríxidamente regulamentada desde a idade media polos gremios (e por tanto, incapacitada para protagonizar calquera cambio revolucionario), e a industria rural dispersa, da que imos falar un pouco.

A industria rural dispersa: a protoindustrialización

No século XVIII, nalgunhas rexións europeas era frecuente que as familias campesiñas simultanearan o traballo agrícola coa elaboración de produtos téxtiles que os comerciantes vendían en mercados distantes (fundamentalmente as colonias). Para definir este feito, observado por primeira vez en Flandes, acuñouse o concepto de protoindustrialización.
Tecedores e fiandeiros facían uso dos seus sinxelos instrumentos de traballo (como teares manuais), para obter uns ingresos complementarios. Con este sistema foi posible a mellora da alimentación, e con ela, o aumento da poboación.
Pronto se atoparon moitos máis casos que mostraban que, a mediados do século XVIII había rexións en centroeuropa, Gran Bretaña,Hholanda norte de Italia... nas que se estaba difundindo unha industria rural dispersa que producía non só mercadorías téxtiles para atender a demanda das localidades próximas, senón tamén excedentes destinados a mercados afastados (por exemplo, os augardentes cataláns para as colonias en América  -pois tiñan licenza para iso, ollo-).
Os labregoa dedicados a estas actividades (cando as tarefas agrícolas permitíanllo) eran donos dos seus instrumentos de traballo e comercializaban os seus produtos ben por eles mesmos ou mediante un comerciante que lles proporcionaba a materia prima, é o que se coñece como domestic system.
Máis adiante, o capital comercial (os comerciantes) foise apropiando de todo o proceso produtivo así como da distribución e os medios de produción, recibindo o campesiño unha especie de salario fixado polo comerciante ( como facía Adolfo Domínguez ata hai pouco). O comerciante converteuse nunha especie de empresario da industria rural dispersa, é o chamado putting out system.
A finais do século XVIII, esta actividade , cada vez máis rendible, foise estendendo. O problema de fornecer as materias primas e controlar a produción das familias campesiñas en zonas dispersas resolveuse coa concentración do capital, reunindo nun mesmo edificio, aos traballadores, máquina e ferramentas, é o chamado factory system, pero disto falaremos máis adiante.

Á debilidade e dispersión da rede industrial  contribuía tamén a insuficiencia dos transportes e os obstáculos que se levantaban para o intercambio comercial (aduanas interiores, multitude de sistemas de pesos e medidas, inexistencia dun sistema financeiro, etc). Salvo o caso francés, ningún país europeo podía presentar unha rede de estradas ou camiños transitables que favorecesen as comunicacións interiores (e un mercado nacional); mesmo en Gran Bretaña, tardábanse 14 días en facer unha viaxe en dilixencia desde Edimburgo ata Londres.
A economía preindustrial era unha economía estancada nun pozo do que era difícil saír sen cambios estruturais profundos. E era necesario saír, pois os desequilibrios entre poboación e recursos (é dicir, que a poboación crece máis rapidamente que os recursos) eran cada vez máis frecuentes e intensos.


O comezo da Revolución Industrial

Como saír? Aumentando a produtividade. Iso é o que fará a Revolución Industrial. Pero o inicio de todo proceso industrializador e o ritmo de crecemento económico de todas as economías industrializadas depende da existencia de tres requisitos que deben de actuar de forma simultánea:
Capital
Man de obra asalariada
Mercado
Hoxe en día os capitais necesarios para investir na industria proceden dos propios beneficios xerados pola industria; pero houbo un momento, no comezo da industrialización, no que o capital tiña que proceder obrigatoriamente doutros sectores alleos á industria (é o que Marx chama "acumulación primitiva do capital"). E esta, realizouse en Inglaterra fundamentalmente por dúas vías:
         - 1. O proceso de concentración de grandes propiedades en mans dunha clase        
            limitada  de terratenientes a expensas dos pequenos  campesiños
         - 2. O capitalismo comercial  inglés.

1. A renovación das estruturas agrarias.
A revolución inglesa do século XVII (do mesmo xeito que a revolución francesa ou a desamortización española) significaron a introdución no mundo rural do individualismo posesivo.
En Gran Bretaña existía tradicionalmente un sistema agrario de campos abertos (openfields) caracterizado pola existencia de terras de uso comunal -common lands-(igual que aquí); era unha agricultura escasamente individualista que desalentaba posibles innovacións. Os cercamientos (enclosures) significaron a reconversión dos campos abertos en lotes de terras privadas e cercadas, así como tamén a apropiación privada das terras de uso común (privatización).
Isto foi posible grazas a que no Reino Unido o rei estaba controlado por un parlamento desde a revolución do século XVII , un parlamento dominado por grandes propietarios que lexislaban de acordo cos seus intereses, intereses que deron lugar ás "enclosure acts" (leis de cercamiento) que orixinaron un proceso de concentración de grandes propiedades e outro proceso de proletarización dunha parte do campesinado.
Ata mediados do século XVIII os cercamientos foron realizados mediante negociacións privadas para comprar os dereitos dos donos e os arrendatarios; a partir desta época acelerouse o ritmo de cercamientos pola maior rendibilidade dos investimentos na agricultura debida á alza dos prezos agrarios provocada polo aumento demográfico. A partir deste momento o sistema máis frecuente de cercamiento será a vía parlamentaria.
En 1759 a metade de Gran Bretaña tiña xa os seus campos cercados, e entre 1760 e 1820 promulgáronse 1800 enclosure acts que supuxeron a reorganización da propiedade de máis de tres millóns de hectáreas.
Os prexudicados por estes cambios foron os campesiños, sobre todo xornaleiros e pequenos propietarios. Os primeiros non podían competir coas máquinas que se comezaron a introducir, os pequenos propietarios non dispoñían do capital necesario para cercar os seus campos á vez que se viron desprovistos da fonte de recursos complementaria que representaban as terras de uso comunal (common lands); desa forma comezou o éxodo do campo á cidade (facendo posible a existencia dunha man de obra asalariada).
Este proceso de privatizacións que representou as enclosures acts permitiu o investimento de capital na terra, e con iso, a modernización da agricultura; ou o que é o mesmo, o paso dunha agricultura dominada pola subsistencia a unha agricultura de mercado, onde o obxectivo é a rendibilidade, e a consecuencia unha maior produtividade que permitiu unha maior dispoñibilidade de alimentos para unha poboación crecente, parte da cal xa non traballaba na agricultura, e por suposto, permitiu unha acumulación de capital procedente desta agricultura modernizada grazas a uns cultivos máis racionais, a estabulación do gando, o emprego de maquinaria, etc.
2. o capitalismo comercial
O comercio colonial inglés, baseado na escravización de milleiros de persoas procedentes de África que eran postas a traballar nas plantacións esclavistas de América; o exterminio e o espolio brutal ao que se viron sometidos os indíxenas americanos e o espolio dos recursos naturais do novo continente foron a base do florecente comercio británico. Este florecente comercio colonial inglés foi posible grazas precisamente a que no Reino Unido existía un goberno que respondía os intereses económicos da clase dominante (grandes propietarios, pero tamén homes de negocios) a través da protección e o apoio que o goberno prestaba ao desenvolvemento dunha mariña mercante e ao comercio mediante unha agresiva política que tivo como consecuencia que durante o século XVIII Gran Bretaña vísese envolta en cinco guerras internacionais, das que en 4 delas, ela foi a agresora. Estas guerras tiñan un fin moi claro: o control dos mercados coloniais (o exemplo máis claro foi a Guerra dos sete anos na que Francia e España perderon importantes colonias en América e noutros continentes en beneficio dos británicos.
Así pois, Inglaterra contaba coa existencia dos requisitos necesarios para iniciar un proceso industrializador:

     - capital, procedente do comercio colonial e da concentración das propiedades.
     - man de obra asalariada, procedente do crecemento da poboación, pero
       especialmente do éxodo rural (resultado da expropiación dos pequenos
       campesiños).
     - mercado, ademais do mercado nacional, en crecemento polo éxodo rural, o Reino
       Unido contaba co control do mercado colonial grazas á súa agresiva política.
Dábanse, entón, as condicións para que se puidesen producir toda a serie de innovacións técnicas que hoxe coñecemos como "revolución industrial".

A Revolución Industrial

E o sector que primeiro se revolucionou foi a industria téxtil do algodón.
Iso tivo a súa orixe na política proteccionista levada a cabo polo goberno inglés, presionado polos grandes propietarios de terras que tiñan os seus intereses postos no desenvolvemento da industria téxtil da la, materia prima procedente dos seus grandes rabaños de ovellas, de aí a oposición ás crecentes importacións de tecidos estampados de algodón (calicoes) traídos da India por comerciantes ingleses (a India tiña unha próspera industria téxtil, ata que a industrialización británica acabou con ela), debido á competencia que estes produtos exercían sobre a la (especialmente nos mercados coloniais, cara a onde eran reexportados os calicoes).
Esta oposición quedou plasmada na prohibición, conseguida polos grandes propietarios a través do parlamento, de importar tecidos de algodón.
Esta medida proteccionista foi, paradoxalmente, o desencadenamento do desenvolvemento da industria do algodón, ou o que é o mesmo, o inicio da revolución industrial; pois foi na industria de algodón onde por primeira vez introdúcense avances tecnolóxicos na produción que caracterizan á revolución industrial.
Son varias as razóns que explican o desprazamento da la como materia prima da industria téxtil a favor do algodón:
     - a existencia de grandes plantacións de algodón nas colonias británicas de Norteamérica,
       explotadas mediante man de obra escrava, que proporcionaban unha abundante e   barata  subministración de algodón.
     - as propias características físicas do algodón, de orixe vexetal, máis duro e flexible
       (a la era máis quebradiza) e por tanto máis adecuado de manipular mecanicamente.
A prohibición de importar tecidos de algodón precipitou entón o rapidísimo desenvolvemento da industria do algodón, grazas especialmente á demanda colonial de produtos de algodón, que contribuíu a aumentar o crecemento e as vendas de produtos de algodón. De
maneira que, a principios do século XIX, as exportacións de produtos de algodón representaban a metade de todas as exportacións británicas e invadían Europa, América e a propia India cuns prezos e calidades moito máis competitivos.

Cambios técnicos que se producen co fin de aumentar a produtividade:

A mecanización da produción téxtil foi un proceso que se desenvolveu ao longo de case un século:
En 1733 John Kay inventou a "lanzadeira volante", un aparello que permitía o incremento da produtividade na fase do tecido de algodón (a produción de telas de algodón consta de 2 fases: o fiado de algodón en rama e o tecido de fío de algodón). Este invento tivo como consecuencia que se producise unha situación de desequilibrio entre a fase de fiado e a do tecido), non se producía bastante fío para as lanzadeiras. Fíxose necesario realizar innovacións na fase do fiado (ata se convocaban premios para atopar un novo invento).

En 1765, James Hargreaves, carpinteiro de profesión inventou unha máquina chamada jenny, que permitía o fiado simultáneo de varios fusos de algodón, era fácil de usar e ocupaba pouco na casa, o que fortalecía a industria rural dispersa.
Catro  anos máis tarde, Arkwright inventa a "water frame", unha fiadora continua que fiaba decenas de fusos de algodón.
                                      Jenny

 
Cara a 1779, Samuel Crompton inventou outra máquina de fiar que de chamaría "mule", unha especie de cruzamento entre a jenny (que producía fío fino) e a water frame (que o facía máis gordo), era un artefacto que traballaba centenares de fusos e era de dimensións considerables, o que contribuiría ao fin da industria rural.
As máquinas de fiar íanse perfeccionando, de modo que a finais de século comezaba xa a sobrar o fío, que se producía de forma industrial. Este desequilibrio provocou a aparición do telar mecánico en 1785, patentado por Edmund Cartwright, un sacerdote que nunca vira un telar. Paralelamente vaise producindo a concentración da industria téxtil ao redor dos portos coloniais (Liverpool, Bristol).
Telar mecánico de Cartwright
 
A fins de século, coa aplicación da máquina de vapor de James Watt para mover telares dáse o paso definitivo para a concentración dos medios de produción nun lugar físico centralizado (a fábrica): o factory system.
En 1830 había xa máis de cen mil telares mecanizados. Á vez que se mecanizaban outros procesos téxtiles (o estampado, o tinguido). As fiadoras e telares, asociados á máquina de vapor, foron os primeiros símbolos dun sistema fabril que se estendería a outros sectores produtivos.
Vimos como se produciu o paso do domestic system ao factory system. O primeiro caracterizábase por que nel o traballador era propietario dos medios de produción (de carácter tradicional) e interviña en todas as fases da produción dos artigos de consumo (mesmo, nun principio, comercializábaos). No sistema de fábricas o traballador non posúe os medios de produción, e non participa en todas as fases da produción: a crecente complexidade das máquinas fai que os traballadores se especialicen nas distintas fases da produción de manufacturas (división técnica do traballo).
Desa maneira, a medida que se estende o sistema de fábricas, asistimos ao nacemento de dúas clases sociais, con intereses opostos: a clase propietaria dos medios de produción, e a clase que tan só conta coa súa forza de traballo para subsistir.
Como dixemos, cara a 1830 a produción de manufacturas de algodón estaba totalmente mecanizada, era xa o sector predominante na economía do país, só a agricultura tiña unha importancia comparable á industria téxtil (aínda que o seu peso facíase, co tempo, menor).
Así pois, o algodón foi a primeira industria revolucionada. A demanda derivada da industria téxtil ,(construción, construción de máquinas, barcos)- contribuíu en gran parte ao progreso económico do Reino Unido ata a década dos 20 do século XIX. Foi, entón, esta primeira etapa da revolución industrial, unha etapa de crecemento económico baseado na industria téxtil do algodón.
- a industria téxtil do algodón producía bens de consumo (roupa) alcanzables e necesarios para a maior parte da poboación.
- a mecanización aumentou moito a produtividade.
- os salarios eran moi baixos, sobre todo desde o emprego do traballo de mulleres e nenos.
- e, sobre todo, o baixo custo da materia prima coa extensión das plantacións esclavistas (naquel tempo, o sur dos EEUU era unha economía dependente de Inglaterra).
Estas vantaxes que tiña o algodón víronse pouco neutralizadas a partir dos anos 20, o crecemento foi aos poucos deténdose debido á redución da marxe de ganancias; porque a estas alturas os mercados xa creceran todo o posible grazas ao descenso dos prezos dos produtos téxtiles; descenso dos prezos posible grazas á mecanización (que reducía o custo por unidade producida) pero tamén necesario debido á competencia.
Os mercados non crecían xa coa suficiente rapidez, ao que hai que engadir a aparición da industria téxtil noutros países que adoptaban políticas proteccionistas para protexer as súas incipientes industrias. A baixa constante dos beneficios (causada entre outras cousas pola competencia) sucedíase sen que baixasen os diferentes custos de produción, pois o prezo das materias primas non podía baixar máis e os salarios tampouco. Atopámonos, entón, cunha primeira crise de crecemento industrial debida a que a industrialización se apoiaba basicamente nun só sector, a industria téxtil do algodón. Desa maneira, esgotábanse as posibilidades de reinversión do capital acumulado (se non se inviste non ten ningún valor); pois só había un sector (a industria téxtil) que non podía crecer máis.
Só podía xurdir, naquel momento, unha actividade que tivese a particularidade de acelerar o crecemento industrial, unha actividade capaz de:
     - ampliar o mercado
     - absorber grandes cantidades de capital
     - de desenvolver unha industria de base que sentase os cimentos do que hoxe
       entendemos por sociedade industrial.
Esa nova actividade era o ferrocarril. Pero antes de falar do ferrocarril temos que falar primeiro das innovacións que permitiron a aparición deste fenómeno: a máquina de vapor e o desenvolvemento da industria siderúrxica.


A siderurxia e a máquina de vapor

O nacemento da máquina de vapor e a siderurxia están intimamente relacionados.
A siderurxia inglesa do século XVIII atopábase estancada por mor dos elevados custos de produción debido á carestía do combustible (carbón vexetal) e á mala calidade do ferro inglés. Pero a principios dese século Abraham Darby conseguiu fundir ferro con carbón de coque (hulla), no canto de usar carbón vexetal. Desde entón, as siderurgias inglesas deixaron de depender dos bosques que fornecían o carbón (o que as facía itinerantes) e comezou a instalarse nos lugares de extracción de ferro e carbón.
Nestas novas minas de carbón pronto xurdiu o problema da necesidade de drenar as galerías da auga que frecuentemente obstaculizaba a extracción de carbón, para solucionalo, Savery  inventou unha bomba aspirante que utilizaba a condensación do vapor para elevar a auga; a esta primitiva máquina Newcomen aplicoulle un mecanismo de cilindro e pistón, cun balancín, que transformaba en movemento a enerxía xerada polo vapor.
O mecanismo que in ventaron Savery e Newcomen 
Foi James Watt quen adaptou esta máquina de vapor de maneira que proporcionase forza motriz a outras máquinas, mediante un mecanismo de rodas dentadas.



Pois ben, nas minas de carbón utilizábanse raíles para transportar as vagonetas de carbón desde as galerías ata a bocamina. Enseguida reparouse na rendibilidade de impulsar estas vagonetas sobre raíles mediante a máquina de vapor (que naceu na mina).
Foi fácil que os propietarios das minas désense conta da rendibilidade de levar as vagonetas, xa non ata a bocamina, se non tamén ata os puntos de venda do carbón.
Así foi como naceu o primeiro ferrocarril, desde a zona mineira interior de Durham ata a costa, a liña Stockton-Darlington /1825). Tecnicamente o ferrocarril é fillo da mina, especialmente das minas de carbón do norte de Inglaterra.
Diciamos entón que a primeira etapa da industrialización británica -a da industria téxtil- chegara xa aos seus límites, ou polo menos, parecía a piques de acadalos. Ía comezar entón unha nova fase da industrialización que proporcionaría un sostén moito máis firme para o crecemento económico: a industria siderúrxica.

O ferrocarril e a industrialización

Unha vez demostrada a viabilidade dun ferrocarril proveitoso, outros, fóra xa das rexións mineiras, copiaron e melloraron a idea, como os comerciantes de Liverpool e Manchester, que advertiron as vantaxes de transportar as súas mercadorías por ferrocarril, foi así como naceu a primeira liña comercial, a liña Liverpool-Manchester (1830).



Esta, á súa vez, inspirou a outros investidores e homes de negocio ansiosos por expansionar os seus negocios e obter beneficios axeitados ao seu capital, comezou "a tolemia do ferrocarril".
A inauguración da liña Liverpool-Manchester sinala o punto de partida simbólico da era do ferrocarril, que se convertería no medio de transporte máis representativo da revolución industrial.
O ferrocarril non era só un valioso investimento en transporte, pois creaba unha rede de comunicacións que ampliaba e unificaba o mercado nacional. O ferrocarril converteuse tamén no principal programa de investimento de capital en ausencia doutro sector que puidese absorber todo o capital acumulado, e ao mesmo tempo xeraba emprego.
Pero, sobre todo, convertíase nun xigantesco e verdadeiro estímulo para a industria de produtos de base no Reino Unido.
Co ferrocarril resolvéronse os problemas de crecemento económico, pois foi un elemento integrador do mercado interior (tamén do exterior) ao reducir os custos de transporte e o tempo de transporte. O ferrocarril:
   - xerou unha gran demanda de man de obra, e unha ampliación do mercado de traballo.
   - orixinou unha demanda sen precedentes de ferro (estímulo para a industria siderúrxica).
   - tamén de madeira, vidro e todos aqueles produtos necesarios para unha
     infraestrutura ferroviaria.
   - supuxo un decisivo estímulo para a enxeñería mecánica.
   - en xeral, tivo un efecto multiplicador sobre case todos os sectores da economía,
     especialmente no sector da industria pesada.
   - a construción do ferrocarril supuxo tamén un estímulo fundamental para a
     exportación de produtos de base para as necesidades da construción de ferrocarrís
     no estranxeiro. Porque os ferrocarrís no estranxeiro construíronse      en gran parte con  capital británico, materiais e equipos británicos,     e, con frecuencia, por contratistas británicos.
Gran Bretaña entrou co ferrocarril no período da súa plena industrialización. A súa economía xa non se baseaba nun sector pioneiro, o téxtil, senón que descansaba firmemente no desenvolvemento dunha industria de base, o que, á súa vez, facilitou a penetración da
tecnoloxía e organización modernas nunha ampla variedade de industrias. Gran Bretaña especializouse na produción e comercialización non só de produtos manufacturados, senón tamén de bens de equipo (máquinas, carbón, ferro...).
A expansión económica mundial do século XIX relaciónase coas innovacións e o incremento nos medios de transporte. Os novos transportes (ferrocarril, barco de vapor) favoreceron a redución do tempo de transporte, a diminución dos custos e o achegamento entre zonas de produción de materias primas e as novas áreas industriais, articulando un mercado mundial. A partir de 1830, canles e camiños de peaxe comezarán a ser desprazados polo ferrocarril. Este é un dos símbolos da industrialización; no sintetízanse as innovacións da primeira época da revolución industrial: o uso do carbón como combustible, a aplicación da máquina de vapor e o uso masivo de ferro.
O ferrocarril converteuse no gran negocio en Europa no século XIX, ata 1870, e desde 1850 os capitais europeos, fundamentalmente británicos e franceses dirixíronse á construción de extensas liñas de ferrocarril en Rusia, o Imperio Austro-Húngaro e na India.
A liberalización da economía, a competencia internacional, a necesidade de reducir custos, a procura do máximo beneficio e a extensión dos procesos industriais a novos países, levaron ao capitalismo a unha loita desenfreada polos mercados, agora xa mundiais grazas ao desenvolvemento dos transportes, e a un proceso de transformación interno para permitirlle adaptarse.
A estes cambios chamámoslles segunda fase da revolución industrial. Entre as características que presenta podemos sinalar as seguintes:

- O capitalismo convértese no modelo económico dominante en todo o mundo, sometendo e marxinando outras formas de produción.
- Transforma a súa organización investindo na adquisición de novas tecnoloxías. Os gastos de capital, dos cada vez máis custosos proxectos, obrigan a acudir ás institucións financeiras; esta combinación de intereses fai xurdir a oligarquía financeira, que selecciona e dirixe proxectos que se configuran a través de formas máis complexas de asociación: cárteles, trust, holdings, zaibatsus...
- Á súa vez, estas formas de concentración empresarial adoptan cambios na organización da produción e do traballo. Trátase de racionalizalo para reducir o tempo de produción, incrementar a produción por traballador, dividir as tarefas de cada traballador e, por último, diminuír os custos de produción e mellorar a competencia. Tal sentido presentan as cadeas de montaxe, que permitirán un considerable incremento dos rendementos industriais.
- Aparecen, vinculados aos avances da investigación, novos sectores produtivos e melloras dos treadicionales. É o caso da enerxía eléctrica, con múltiples aplicacións nas sociedades industriais: iluminación, teléfono, cinema...; o petróleo, con aplicacións nos motores de explosión, na industria do automóbil, nos plásticos; a química, con aplicacións nos fertilizantes, nas armas, produtos sintéticos, medicamentos?
- O sector bancario, ao participar a través do financiamento da industria e facerse con paquetes de accións, pasa a ser determinante na economía capitalista e a formar parte dos consellos de administración das empresas.

1 comentario: